Museo da Construción Naval

Museo da Construción Naval

Edificio Herrerías

Reserva unha visita guiada

PLANTA BAIXA
PB
CLUB CORMONAV

VISITA VIRTUAL

PRIMEIRA PLANTA
1P
CATÁLOGO
SALA CARLOS III
Exposicións Temporais

Museo da Construción Naval de Ferrol está ubicado no edificio de Herrerías, construído no século XVIII, e que foi restaurado no século XXI mantendo a súa estética orixinal. O museo foi creado con dous obxectivos principais:

  • Servir de punto de encontro entre a sociedade, a industria e a comunidade científica, posibilitando a comprensión desta tecnoloxía e o coñecemento do pasado naval de Ferrol, mostrando a súa importancia dentro da identidade cultural da cidade.
  • Conservar, protexer e valorizar aqueles obxectos que, pola súa importancia histórica, fan xa parte do patrimonio ferrolán.

Este impresionante museo, dedicado a presentar o apaixonante mundo da construción naval, é o resultado do traballo de moitas persoas que, madurando esta idea durante anos, aportaron non só os seus coñecementos, senón tamén o seu amor por esta tecnoloxía. O froito deste esforzo é unha exposición técnico-científica de alto nivel, única en España, que agardamos sexa do máximo interese para todos os seus visitantes, independentemente dos seus coñecementos sobre construción naval.

A exposición acolle unha importante colección de elementos propios desta disciplina desde o século XVIII ata os nosos días e ofrécenos unha visión divulgativa sobre os fitos históricos máis relevantes relacionados con esta actividade en España.

Planta baixa

A planta baixa é un percorrido polas diversas técnicas de construción e os servizos máis esenciais dun buque.

Destaca o pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Vivero no ano 1810 e recuperada pola Armada Española nos anos 70 e 80 do pasado século.

Interior del Museo de la Construcción Naval en la Fundación Exponav de Ferrol (A Coruña)

No primeiro andar atopámonos, na á este, coa impresionante Sala de Exposicións Temporais, e no percorrido museístico cunha serie de salas temáticas como a Sala da Construción Naval en Ferrol nos séculos XVIII e XIX, a Sala Navantia, a Sala de Faros e Sinais Marítimos, etc.

En total, temos máis de 4000 metros cadrados que farán a delicia de leigos e profesionais, pois para ambos está deseñado o percorrido e o seu contido. Paso a paso coñeceremos o desenvolvemento da arquitectura e da construción dos buques e os materiais empregados, poderemos coñecer diversos aspectos relacionados con esta materia: desde a evolución que sufriron as tecnoloxías e ferramentas, até o momento máis importante dun barco, o da botadura e a súa posta a flote.

Edificio de Herrerías

O edificio Herrerías atópase no denominado Arsenal dos Diques, zona do Arsenal ferrolán que foi deseñada por Julián Sánchez Bort en 1765 e que se distingue en concepto e ornamentación do Arsenal do Parque.

En setembro de 1781, o Rei Carlos III aproba o seu deseño e construción. Foi concibido como unhas ferrarías para a Armada. Ocupa un amplo rectángulo, orientado en dirección O-L, con 101m de longo e 26m de largo; no seu extremo oriental únese a outro, a modo de martelo transversal, constituíndo o conxunto un magnífico edificio.

Atopámonos ante un edificio industrial do século XVIII onde chegaron a traballar 386 persoas. O inmóbel ten dous corpos, ambos cubertos con bóvedas moi sólidas sobre 132 arcos de cantaría.

O primeiro, de maior amplitude, está dividido en tres naves lonxitudinais separadas por arcos de medio punto sobre grosos piares de sección cadrada e cubertos por bóvedas de arista. Neste lugar encontrábanse as fraguas. Era a zona destinada a obras grosas e de martelo. Había unhas 32 fraguas e no medio catro moi grandes para composición de áncoras. Traballaron neste obradoiro uns 144 operarios. Catro dos tramos da nave central albergan dous patios de luces con dous pozos de auga para uso do edificio.

O segundo corpo é un rectángulo menor dividido en dúas naves transversais para obradoiro e taller de fundición. Este corpo foi destinado a cerrallaría e farolaría e tiña as súas fraguas nas costas do edificio.

É de salientar que as fraguas estaban tan ben construidas que o fume xamais incomodaba os traballadores. Tiña as súas catro fraguas nas costas do edificio.

Co propósito de valorizalo, no ano 2001 iniciouse un proceso de restauración e rehabilitación, devolvéndolle ao edificio o aspecto que presentaba orixinariamente, no ano 1781.

  • 1781: O Rei Carlos IIIaproba o deseño e a construción do edificio.
  • 1850: O edificio comeza a ser utilizado como taller de prácticaspolos alumnos da Escuela de Maquinistas de la Armada.
  • 1920: O edificio acondiciónase para acoller a Escuela de Maquinistas de la Armada.
  • 1988: Deixa de ser escola de máquinas e pasa a utilizarse como almacén.
  • 2001: Comezan as obras de restauración rehabilitación.
  • 2008: O 10 de marzo inaugúrase o Museo da Construción Naval.

Interior do Edificio de Herrerías

Planta Baixa do Museo da Construción Naval

planta baixa do Museo da Construción Naval conta con sete espazos expositivos diferenciados:

O primeiro deles está dedicado aos Estaleiros, onde mediante varias maquetas podemos observar a evolución de ditas instalacións ao longo do tempo.

A segunda zona sería a de Carpintaría de Ribeira, recentemente inaugurada e que está dedicada á construción naval artesá en madeira. Nela pódense ver diferentes ferramentas empregadas polos carpinteiros, así como varias embarcacións realizadas con esta técnica.

Xusto fronte a este espazo encontrámonos coa terceira zona, a dedicada á Fragata Santa María Magdalena, onde poderemos contemplar as pezas máis importantes do noso museo: o seus impoñentes restos, rescatados da ría de Viveiro nos anos 70, tras máis de 200 anos afundido.

Pasariamos despois á denominada como Sala de Gálibos, onde se poderán ver desde os medios cascos para obter os persoais, ata as ferramentas para trazalas no chan das salas de Gálibos.

A continuación, está a zona dedicada ás técnicas de construción e tecnoloxía das unións remachadas e soldadas.

Despois, temos a zona dedicada ás oficinas técnicas, onde se poden ver maquetas das cámaras de máquinas utilizadas para o desenvolvemento dos planos dos sistemas de tubaxes, así como os primeiros sistemas informáticos utilizados nas oficinas técnicas.

Agora tocaríanos a zona do museo dedicada ás Canles de Experiencias Hidrodinámicas, onde poderemos ver unha máquina talladora empregada para a realización dos moldes que se ensaiaban nas canles.

A seguinte zona estaría dedicada aos diferentes sistemas de propulsión dun barco, desde os máis simples, como a vela ou os remos, até os máis complexos, como as turbinas e as máquinas de vapor.

Despois entrariamos nos sollados. Aquí poderémonos mergullar no interior dos barcos. Permitirannos contemplar as diferenzas entre a vida a bordo dun buque do século XVIII e dunha fragata do século XXI.

Para acabar a exposición na planta baixa só resta a derradeira área, dedicada a Fundición e Fraguas, onde poderemos observar o proceso de fundición e ver elementos de moldeo, como culleriñas, paletinas, cravos e modelos ou machos, e poderemos apreciar un gran número de estampas; tamén outros elementos diferentes como crisois, barras transportadoras, modelos, pinzas, caixas de area, atizadores, caixas de fundición, elevadores de crisois e tenaces.

Primeira Planta do Museo da Construción Naval

Na primeira planta podemos diferenciar dúas zonas: a sala de exposiciós temporais e o conxunto de salas dedicadas á exposición permanente.

Sala de Exposicións Temporais Carlos III é unha zona do noso museo destinada a acoller exposicións temporais de diversa índole e temática, primando temas relacionados co mar. Os seus máis de 400 metros cadrados poden ser acondicionados de forma que poidan acoller exposicións de diversos tamaños sen lle restar valor nin á mostra nin á propia sala. Ademais de exposicións temporais tamén se celebran nela congresos, conferencias e todo tipo de reunións.

Por outro lado, o espazo dedicado a exposición permanente está dividido en cinco zonas expositivas.

En primeiro lugar, temos a Sala da Construción Naval en Ferrol nos séculos XVIII e XIX, onde se pode coñecer a orixe da construción naval na ría de Ferrol e a súa evolución co paso do tempo. Destaca polo seu grande interese o modelo do estaleiro de Ferrol no século XVIII.

A seguinte zona sería a Sala Navantia, na que se fai un percorrido pola historia do Estaleiro de Ferrol, desde a Sociedad Española de Construcción Naval até Navantia, pasando polo Consejo Ordenador e por Bazán. Desde comezos do século XX (ano 1908) ata a actualidade.

Atopámonos despois coa Sala de Faros e Sinais Marítimos, cuxas pezas proceden da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Nesta zona podemos ver as ópticas do faro de Estaca de Bares, considerado como punto estratéxico para a navegación no Plan de 1847, que o definiu como faro de primeira orde, priorizando a súa construción sobre a do faro de Fisterra.

Continuariamos coa Sala Astano, dedicada ao estaleiro, á súa historia e aos buques máis famosos que nel se construíron, como o Arteaga, cuxa botadura supuxo un fito na construción naval mundial.

Por último, finalizariamos coa Sala de Electricidade e Electrónica, en proceso de ampliación.

Visita virtual ao Museo da Construción Naval

Nas seguintes ligazóns podes acceder para realizar unha visita virtual ao Museo

Divírtete coas nosas guiaventuras

O Museo pon a disposición dos visitantes dúas guías, unha para adultos e outra para nenos, nas que descifrando os enigmas que propomos poderás descubrir o noso museo

A Xunta e o Museo

Xunta de Galicia recoñeceu o Museo da Construción Naval como Museo dentro do conxunto de Museos de Galicia.

Comparte facilmente a información sobre o museo facendo clic nas seguintes ligazóns: